Tan só con dez minutos ao día de dedicación podemos previr con bastante efectividade as dores e problemas da zona cervical, é dicir, das vértebras que sustentan o pescozo.
O mellor é facer unha serie de estiramentos cos nosos maiores. Cada un deles manterase durante dez segundos, facendo tres repeticións de cada exercicio. Facéndoos a diario, antes dunha semana obteremos bos resultados.
1. Lévelle a cabeza lentamente cara a adiante aproximándolle o queixo cara ao peito até sentir certa tensión no pescozo e parte superior das costas.
2. Inclínelle a cabeza de maneira que aproxime todo o posíbel a orella e o ombro do mesmo lado, primeiro cara á dereita e logo cara á esquerda. Mantéñalle esa posición os dez segundos axudándolle coa man de maneira que perciba o estiramento.
3. Xírelle a cabeza cara a un e outro lado tamén até onde lle sexa posíbel, coma se tentase levar o queixo cara á clavícula, até sentir tensión na zona lateral do pescozo. Aumente o estiramento axudándolle coa man.
4. Tamén coa axuda da man páselle o cóbado por diante do corpo en dirección ao ombro contrario até que sinta o estiramento das estruturas na zona do ombro. Alternar os dous brazos.
5. Coa man dereita detrás das costas á altura dos cadrís, tire dela coa outra man cara á esquerda e abaixo, mentres tenta aproximar a orella e ombro esquerdos. Alternar tamén ambos lados.
Estes exercicios non só son de utilidade para os nosos maiores, senón tamén para os seus familiares que día tras días teñen que realizar pequenos esforzos que acaban pasando factura.
EVA RODRÍGUEZ PENIN .- FISIOTERAPEUTA DO CENTRO DE DÍA ALEIDA
No hay comentarios:
Publicar un comentario