A cama é fonte de reparación e benestar pero tamén pode causar dor. É por iso conveniente coñecer cales son as dúas posturas máis recomendadas para previr molestias futuras e que os nosos maiores se levanten con folgos completamente renovados.
1. Decúbito lateral e postura fetal: De lado, co costado apoiado, con unha ou coas dúas pernas flexionadas (a nivel de cadeiras e xeonllos) e o pescozo e a cabeza aliñados co resto da columna vertebral. É importante pousar a cabeza nunha almofada suficientemente alta para conservar a aliñación natural da cabeza con respecto ao resto da columna; do contrario serán frecuentes as molestias a nivel cervical. Tamén se colocará unha almofada entre os xeonllos para diminuír a presión sobre o xeonllo inferior.
2. Decúbito supino ou coa boca para arriba: cunha almofada debaixo dos xeonllos mantendo estes en lixeira flexión para evitar un aumento da lordose (envaramento) lumbar e favorecer a elongación e descanso da musculatura na mesma área do lombo. O inconveniente desta postura é que aumenta os ronquidos e non é recomendábel para persoas con problemas respiratorios, xa que agrava os seus síntomas. Tampouco é favorábel en persoas con obesidade.
Unha das posturas menos recomendadas é a postura de decúbito prono (co cu para arriba) porque o pescozo sempre se mantén xirado na mesma posición, o que acaba por modificar a curvatura da zona cervical. Así mesmo, tamén está contraindicada esta postura en persoas con problemas dixestivos, xa que o contido do estómago chega máis facilmente á boca. En caso de durmir así é bo facelo sen almofada baixo a cabeza, colocar unha perna en flexión e poñer un coxín delgado debaixo do ventre para evitar un aumento da curvatura lumbar que, sen dúbida, dará molestias á mañá seguinte.
Pero non só a postura é importante senón que tamén se deben atender outros factores, entre eles o colchón e o somier, que non deben ser nin excesivamente brandos nin moi duros. Asemade, hai que mudalos cando perdan as súas propiedades; a almofada debería ser baixa e hai que evitar as que sexan brandas de máis. A roupa da cama debe ser manexábel.
Cabe destacar tamén a necesidade de realizarlles aos nosos maiores os cambios posturais correspondentes en caso de que por eles mesmos non sexan capaces de mudar a sua posición para evitar a aparición de úlceras por presión e mellorar a circulación en zonas de contacto. Nestes casos é preciso facer polo menos un cambio postural no medio da noite (ás catro horas de deitarse).
Descansade ben!
EVA RODRÍGUEZ PENIN FISIOTERAPEUTA DO CENTRO DE DÍA ALEID