lunes, 12 de septiembre de 2011

Para o descanso dos nosos maiores

A cama é fonte de reparación e benestar pero tamén pode causar dor. É por iso conveniente coñecer cales son as dúas posturas máis recomendadas para previr molestias futuras e que os nosos maiores se levanten con folgos completamente renovados.
1. Decúbito lateral e postura fetal: De lado, co costado apoiado, con unha ou coas dúas pernas flexionadas (a nivel de cadeiras e xeonllos) e o pescozo e a cabeza aliñados co resto da columna vertebral. É importante pousar a cabeza nunha almofada suficientemente alta para conservar a aliñación natural da cabeza con respecto ao resto da columna; do contrario serán frecuentes as molestias a nivel cervical. Tamén se colocará unha almofada entre os xeonllos para diminuír a presión sobre o xeonllo inferior.
2. Decúbito supino ou coa boca para arriba: cunha almofada debaixo dos xeonllos mantendo estes en lixeira flexión para evitar un aumento da lordose (envaramento) lumbar e favorecer a elongación e descanso da musculatura na mesma área do lombo. O inconveniente desta postura é que aumenta os ronquidos e non é recomendábel para persoas con problemas respiratorios, xa que agrava os seus síntomas. Tampouco é favorábel en persoas con obesidade.
Unha das posturas menos recomendadas é a postura de decúbito prono (co cu para arriba) porque o pescozo sempre se mantén xirado na mesma posición, o que acaba por modificar a curvatura da zona cervical. Así mesmo, tamén está contraindicada esta postura en persoas con problemas dixestivos, xa que o contido do estómago chega máis facilmente á boca. En caso de durmir así é bo facelo sen almofada baixo a cabeza, colocar unha perna en flexión e poñer un coxín delgado debaixo do ventre para evitar un aumento da curvatura lumbar que, sen dúbida, dará molestias á mañá seguinte.
Pero non só a postura é importante senón que tamén se deben atender outros factores, entre eles o colchón e o somier, que non deben ser nin excesivamente brandos nin moi duros. Asemade, hai que mudalos cando perdan as súas propiedades; a almofada debería ser baixa e hai que evitar as que sexan brandas de máis. A roupa da cama debe ser manexábel.
Cabe destacar tamén a necesidade de realizarlles aos nosos maiores os cambios posturais correspondentes en caso de que por eles mesmos non sexan capaces de mudar a sua posición para evitar a aparición de úlceras por presión e mellorar a circulación en zonas de contacto. Nestes casos é preciso facer polo menos un cambio postural no medio da noite (ás catro horas de deitarse).
Descansade ben!
EVA RODRÍGUEZ PENIN    FISIOTERAPEUTA DO CENTRO DE DÍA ALEID

Prevención de molestias cervicais



Tan só con dez minutos ao día de dedicación podemos previr con bastante efectividade as dores e problemas da zona cervical, é dicir, das vértebras que sustentan o pescozo.
O mellor é facer unha serie de estiramentos cos nosos maiores. Cada un deles manterase durante dez segundos, facendo tres repeticións de cada exercicio. Facéndoos a diario, antes dunha semana obteremos bos resultados.
1.    Lévelle a cabeza lentamente cara a adiante aproximándolle o queixo cara ao peito até sentir certa tensión no pescozo e parte superior das costas.
2.   Inclínelle a cabeza de maneira que aproxime todo o posíbel a orella e o ombro do mesmo lado, primeiro cara á dereita e logo cara á esquerda. Mantéñalle esa posición os dez segundos axudándolle coa man de maneira que perciba o estiramento.
3.   Xírelle a cabeza cara a un e outro lado tamén até onde lle sexa posíbel, coma se tentase levar o queixo cara á clavícula, até sentir tensión na zona lateral do pescozo. Aumente o estiramento axudándolle coa man.
4.   Tamén coa axuda da man páselle o cóbado por diante do corpo en dirección ao ombro contrario até que sinta o estiramento das estruturas na zona do ombro. Alternar os dous brazos.
5.   Coa man dereita detrás das costas á altura dos cadrís, tire dela coa outra man cara á esquerda e abaixo, mentres tenta aproximar a orella e ombro esquerdos. Alternar tamén ambos lados.
Estes exercicios non só son de utilidade para os nosos maiores, senón tamén para os seus familiares que día tras días teñen que realizar pequenos esforzos que acaban pasando factura. 

EVA RODRÍGUEZ PENIN .- FISIOTERAPEUTA DO CENTRO DE DÍA ALEIDA